Friday 26 de April de 2024

O Concello analiza co comercio as actuacións nas rúas Pardo Bazán e Joaquín Pintor Vaamonde


Os concelleiros Díaz Villoslada e Diana Cabanas reuníronse hoxe coa Asociación Distrito Picasso co fin de abordaren varios proxectos de interese comercial

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, e a concelleira de Mercados, Comercio e Barrios, Diana Cabanas, reuníronse hoxe coa Asociación Distrito Picasso co fin de abordaren varios proxectos de interese comercial como a humanización da rúa Emilia Pardo Bazán e próxima obra de Joaquín Pintor Vaamonde. No encontro, analizaron en conxunto estes dous proxectos co obxectivo de estudaren como afectan ao tecido comercial da zona. ViIloslada matizou que nesta rúa se restrinxiu a circulación, aínda que non se prohibiu o paso de vehículos. “En Pardo Bazán o que fixemos foi darlle prioridade peonil e reducir a velocidade máxima a 10 km/hora, pero non se prohibiu a circulación de vehículos”.

Co fin de mellorar a sinalización desta actuación na rúa Pardo Bazán, o vindeiro luns instalarase un panel no que se indicará a preferencia peonil cunha sinal de prohibido circular a máis de 10 km/h e cunha lenda que non permitirá o estacionamento na rúa. A devandita sinal non impedirá parar coas mesmas condicións que no resto da cidade.